
O Círculo Podemos Nigrán vén de presentar un requirimento para que o Goberno Local impulse a creación de “puntos violeta” no municipio. Esta medida vén estipulada no Plan de Mellora e Modernización contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.
“Acabar coas violencias machistas require do compromiso de toda a sociedade, por iso é importante involucrar á veciñanza como parte da solución”, indica a enlace de feminismos municipal de Podemos Antía Fernández. “Aplaudimos esta medida do Ministerio de Igualdade porque vai nese senso e pedímoslle ao Concello que se comprometa a levala a cabo”.
“Punto Violeta” consta de tres puntos principais. Por unha banda, busca implicar a toda a sociedade na loita contra as violencias machistas. Por outro quere achegar a información dos servizos integrais ás vítimas a través da súa contorna. Finalmente, ten como obxectivo facilitar información sobre como actuar ante un caso de violencia machista a establecementos, entidades, empresas, organismos públicos.
Indica Antía que “moitas veces unha muller en situación de violencia non sabe onde acudir. Cos puntos violetas esténdese a protección de estas mulleres á súa vida cotiá, o que facilita que poidan informarse e sentirse arroupadas de maneira máis inmediata”. Ademais, a formación considera que este tipo de iniciativas facilitan a concienciación da veciñanza respecto a unha cuestión de extrema gravidade como son as violencias machistas ao sentirse tamén como parte da solución.