Un centenar de ciclistas compiten este domingo no IV Desafío Talaso Atlántico

FOTO: FRANCISCO POMBAL DIEGO // I Desafío Talaso Atlántico.

O IV Desafío Talaso Atlántico reúne o vindeiro domingo a un centenar de ciclistas entre profesionais e afeccionados. A competición comezará ás 10.00 horas na chaira do Hotel Talaso Atlántico.

A proba, como explica Aser Estévez, presidente do Team Oiense Turonia Maglia, “ten a peculiaridade de contar cun tramo cronometrado de 17 quilómetros”. O Desafío Talaso Atlántico discorre ademais pola estrada Baiona-A Guarda, unha das zonas das Rías Baixas, máis transitadas polos ciclistas.

O percorrido consta de 60 quilómetros. A proba realizouse por primeira vez en 2017 e xurdiu da necesidade de poñer en marcha un evento deportivo nunha das zonas máis frecuentadas da provincia de Pontevedra, debido á súa beleza paisaxística, tanto por ciclistas afeccionados como profesionais.

A saída efectuarase desde a chaira do Hotel Talaso Atlántico e discorrerá por Baredo, Faro Silleiro, ata chegar ao Mosteiro de Santa María de Oia (un tramo de 23 quilómetros neutralizados). A partir de aí comezará a crono-escalada ata o Monte da Groba, de 17 quilómetros. Trátase dun percorrido de dificultade media, segundo os expertos, polo que pasarán polo Alto da Valga e Torroña ata coroar finalmente A Groba, con 600 metros de altitude. Unha vez superado este segundo tramo, onde se dará o avituallamento, haberá un percorrido final de 20 quilómetros, de regreso ao Hotel Talaso Atlántico, que discorrerá por Chan da Lagoa, Baíña e Baiona.

Os primeiros clasificados en cada década de idade, desde os 20 aos 80 anos, recibirán un bono do Hotel Talaso Atlántico que inclúe aloxamento, almorzo e percorrido mariño de talasoterapia. Os segundos e terceiros mellores de cada idade recibirán un percorrido de talasoterapia. Tamén haberá un sorteo entre todos os participantes ao finalizar a proba.