O PP de Baiona acusa o goberno local de “pouca sensibilidade co patrimonio cultural”

Para o Partido Popular de Baiona a pouca sensibilidade do goberno local co patrimonio cultural e arquitectónico do municipio volve quedar de manifesto nas escaleiras de acceso á capela de Santa Marta, na parroquia de Baíña. “O Concello permitiu o pasado mes de agosto que a empresa organizadora do Festival Barbeira Season Fest pintase de cores as escaleiras de acceso á capela de Santa Marta e, unha vez finalizado o evento, tampouco obrigou á produtora a borrar a pintura e deixar a escalinata no seu estado orixinal”.

Desde o grupo municipal popular indican que demostra unha vez máis “o pouco compromiso que este tripartito ten co coidado e mantemento do noso patrimonio cultural e etnográfico ao autorizar un pintado de xeito evidente innecesario para a celebración do festival”. Para o PP baionés, unha falta esta de responsabilidade do goberno local o permitir, en primeiro lugar, o pintado dunha escaleira situada nunha zona de especial protección patrimonial e, posteriormente, non requirir a súa limpeza. “Agora, case dous meses despois, a imaxe que presenta a parte frontal dos banzos e, en xeral, toda a escaleira é lamentable”.

Precisamente, no pleno ordinario celebrado esta semana o PP baionés preguntou ao alcalde, o socialista Carlos Gómez, “por este atentado cultural consentido e do que o tripartito é cómplice”. “O alcalde recoñeceu ser el o responsable do pintado das escaleiras”, informan os populares, que urxen a súa limpeza e agardan que atentados así non volvan permitirse por parte do executivo baionés.