Baiona premio á mellor xestión deportiva de Galicia 2020 en municipios de menos de 15.000 habitantes

A Sociedade Galega de Xestores Deportivos (Agaxede) concedeu ao Concello de Baiona o premio ao mellor concello de Galicia en xestión deportiva na categoría de concellos de menos de 15.000 habitantes. Así o resolveu o xurado da undécima edición dos Premios Galicia á Xestión Deportiva, composto por representantes de Agaxede, como promotora e organizadora, ademais de diferentes entidades, como a Secretaría Xeral para o Deporte, a Fegamp, a prensa deportiva, a Ufedega, as Facultades de Ciencias do Deporte da Coruña e de Vigo e o Colef-Galicia.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, felicita a AGAXEDE polo continuo labor de promoción e impulso ao deporte que levan a cabo a nivel rexional e mostrouse “agradecido e satisfeito” ao coñecer a noticia, porque “máis aló do resultado final, constitúe un aliciente ao magnífico labor que realizan todos e cada un dos profesionais, amantes e afeccionados que directa e indirectamente están vinculados a esta área nun municipio que, como Baiona, é Deporte”.

O lema “Baiona co deporte” agrega o rexedor “é algo máis que palabras e que reflicte o esforzo que realizamos a diario neste Concello para poñer ao servizo dos baioneses e baionesas, deportistas federados e non federados, amantes do deporte en xeral que temos no noso municipio”.

O galardón recoñece a Baiona como o pequeno concello galego que mellor desenvolve o potencial do seu deporte local e fomenta os hábitos de vida saudables entre os veciños e veciñas. Baiona destaca na xestión de plans ou proxectos de actividades, de espazos ou infraestruturas que contribúen a mellorar o desenvolvemento do deporte no ámbito territorial da súa competencia.

Gómez Prado agradece este galardón, que atribúe “á profesionalidade e compromiso do equipo de persoal técnico do concello”, así como a “unha poboación cada día máis concienciada pola práctica de hábitos saudables”. O mandatario explica que este recoñecemento reafirma “o bo camiño de Baiona no que a instalacións e actividades deportivas refírese” e destaca a gran oferta existe nestes momentos “con varios eventos consolidados e convertidos en referente”.

A gala de entrega será no Auditorio do Centro Social de Arteixo o martes, 19 de outubro, ás 20:00 horas. Os premios outorgados corresponden ao ano 2020, que por razóns sanitarias non puideran concederse.