A final da Liga Nacional Feminina de Vela, en stand by a expensas do vento

A intensa néboa e o vento practicamente inexistente que se rexistraron este sábado en Baiona deixaron en stand by a final da Liga Nacional Feminina de Vela que o Monte Real Club de Yates organiza por delegación da Real Federación Española de Vela e co patrocinio do Grupo Isonor.

Aínda que a previsión meteorolóxica anunciaba unha xornada moi complicada, no comité de regata mantiveron ata ao final as esperanzas de poder disputar polo menos unha proba, algo que finalmente non foi posible. As tripulacións chegadas desde diferentes puntos de España non puideron saír á auga á hora prevista e o aprazamento en terra mantívose desde o mediodía, hora na que estaba programada a primeira saída, ata a tarde.

O reloxo aproximábase ás catro da tarde cando, vendo que a situación melloraba algo, arriouse o aprazamento e a frota comezou a saír á auga. A intensa néboa que impediu regatear á primeira hora por falta de visibilidade desapareceu case por completo, pero con ela tamén se foi o vento do noroeste, duns 7 nós, que foi o máximo que se rexistrou en toda a xornada.

Tras máis dunha hora cos barcos flotando, cunhas condicións nada idóneas e sen prever grandes cambios antes da hora límite, decidiuse dar por suspendida a xornada. As tripulacións regresaron a terra e as regatistas puideron gozar dunha cea ofrecida polo Monte Real Club de Yates a todas as participantes.

Así as cousas, a clasificación que lidera o Dorsia Covirán da Mariña Burriananova (Valencia), mantense a expensas de que se poidan celebrar as regatas programadas para este domingo. Para que poida darse por válida a competición é necesario que se completen polo menos dous das tres mangas programadas.

A regata do Monte Real Club de Yates, que este domingo desvelará o nome das gañadoras da Liga Nacional Española de Vela é a última etapa do circuíto nacional da Real Federación española de Vale tras o seu paso polo Real Club Marítimo do Abra – Real Sporting Club e o Real Club Náutico de Palma.