A DGT intensificará a vixilancia de camións e autobuses na provincia durante a próxima semana

En cumprimento da programación das Campañas e Operacións de Vixilancia e Control para o ano 2021 levada a cabo pola Dirección Xeral de Tráfico, entre os días 11 e 17 de outubro terá lugar unha nova campaña especial de vixilancia e control de camións e autobuses na provincia. Durante estes días os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra estarán presentes nos diferentes tipos de vías da provincia para realizar inspeccións sobre os vehículos -autorizacións e documentos, condicións técnicas e elementos de seguridade, etc.- e sobre os condutores -permiso de condución, tempos de condución e descansos e alcol-.

Tal e como informou a subdelegada, “durante a próxima semana, a Garda Civil controlará autobuses e todo tipo de camións, independentemente do país no que estean matriculados, incidindo na vixilancia e control de aspectos tales como a velocidade á que circulan, as horas de condución e descanso, o tacógrafo, o exceso de peso, os defectos técnicos do vehículo, a seguridade da carga transportada, a documentación do vehículo e do condutor, o uso do cinto de seguridade por parte do condutor e dos ocupantes, a condución baixo os efectos do alcol ou outras drogas, a utilización do teléfono móbil, etc”.

Maica Larriba explicou que “a pesar de que o 68% do parque de vehículos no noso país son turismos, o transporte de mercadorías (camións e furgonetas) ten un peso importante na seguridade viaria, xa que representa o segundo tipo de vehículos máis numeroso que circula polas nosas estradas (14% do total do parque) e están implicados no 16% dos accidentes con vítimas ocorridos no ano 2019”. Pola súa parte, o parque de autobuses representa ao redor do 0,2% do total do parque automobilístico, estando implicados no 2% dos accidentes con vítimas. Este dato, unido a un maior índice de letalidade no caso de accidentes con vehículos de mercadorías de máis de 3.500 kg, é o que leva á Dirección Xeral de Tráfico a poñer en marcha esta nova campaña de vixilancia.