Podemos reclama á Mancomunidade do Val Miñor solucións para o GES

Os Círculos de Podemos no Val Miñor reclaman mediante un escrito enviado á Mancomunidade de Concellos do Val Miñor o cumprimento do convenio acordado en 2017 entre este organismo e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal, así como a creación dunha bolsa de substitucións para cubrir as baixas existentes e a dotación de todos os recursos materiais necesarios para o bo desenvolvemento das funcións dos/as bombeiros/as da comarca.

Actualmente o persoal formado por 12 profesionais, conta con 3 compoñentes de baixa, o que implica que haxa tan só un efectivo por quenda, chegando mesmo ao inevitable peche da sede durante 24 horas a pasada fin de semana.

Esta situación nun servizo esencial para a comunidade como o é emerxencias é totalmente intolerable, polo que opinan que desde a Mancomunidade debería haber vontade política para liquidar a problemática e evitar escusas, xa que non existe ningunha normativa que os limite a facelo, como declarou o Presidente da Mancomunidadade.

Tamén queren lembrar que de darse un dano persoal ou material como consecuencia do mal funcionamento dun servizo público, a responsabilidade patrimonial recaería na Administración xestora do devandito servizo.