Baiona celebra o Día da Hispanidade co concerto de “Mulleres de Ultramar”

O Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra celebrarán o próximo martes 12 de outubro o Día da Hispanidade. Ás 18:00 horas terá lugar o acto protocolario na Praza do Concello para despois desfrutar do concerto de “Mulleres de Ultramar”, ás 19:30 horas, dentro da programación “Ritmos da Hispanidade”, facendo unha viaxe musical polos ritmos latinoamericanos a través dos repertorios de grandes mulleres compositoras e intérpretes da historia da música latina.

O rexedor baionés, Carlos Gómez Prado, explica que esta programación está deseñada para achegar a celebración da Hispanidade a toda a cidadanía. “Quixemos dar un cambio aos eventos que organiza o Concello co obxectivo de que os desfruten todos os veciños e veciñas da vila. Para que todo o pobo participe deles. Por iso o día 12 organizamos un acto aberto no que toda a cidadanía poida desfrutar. O obxectivo é desfrutar da Hispanidade todos xuntos. O Concello de Baiona leva celebrando o acto 20 anos e había que darlle unha volta para que todo o pobo puidese participar deste evento, sempre respectando o protocolo. A celebración do Día da Hispanidade deixou de ser un acto encorsetado no que participaban uns poucos para pasar a ser un acto para todos e todas”.

O acto de celebración do Día da Hispanidade está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra. Este día leva celebrándose na Vila desde fai vinte anos, en colaboración coa institución provincial, debido á relación que Baiona ten con América e coa comunidade colombina, ademais do feito histórico de que foi o primeiro porto de Europa en ser coñecedor do Descubrimento de América cando chegou a Carabela Pinta ao mando de Martín Alonso Pinzón.