Gran final de tempada do Xadrez Laroca

Esta pasada fin de semana celebrouse no centro dotacional de Torroso o Torneo de Xadrez sub2200 Xadrez Mos, celebrado a seis roldas cunha participación de 96 xadrecistas de toda Galicia e Portugal, no que o laroqueiro Mauro Sanromán Costas, partindo do oitavo posto da clasificación inicial, proclamouse campión, quedando invicto con 5.5 puntos, cedendo soamente unhas táboas ante o xogador local Óscar Fernández Sanjúan na terceira rolda.

Con este triunfo o xogador nigranés está rematando unha gran tempada, pois no pasado mes de agosto proclamárase subcampión da XX edición do Torneo Festas do Monte con seis puntos dos sete posibles, perdendo soamente na terceira rolda ante o campión do torneo Rubén Fernández López.

Por outra parte o laroqueiro Francisco Rego Lorenzo proclamouse o pasado día 25 de setembro campión do I Torneo Concello de Oia.