Esquerda Unida critica a prórroga do contrato de abastecemento e saneamento de Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Operarios de Aqualia.

O contrato da xestión integral do Servizo Municipal de abastecemento de auga e saneamento de Nigrán, foi adxudicado o 25 de xuño de 1992 polo Pleno e establécese dentro da cláusula 2.a relativa á duración do contrato que “A duración do contrato será de vinte e cinco anos contados a partir do comezo do mesmo, prorrogables tacitamente por períodos de cinco anos ata o máximo legal de 50 anos, agás denuncia expresa por algunha das partes contratantes, notificada polo menos un ano antes ao seu vencemento”.

O goberno de Nigrán xa prorrogou dito contrato até o 30 de setembro de 2022, ao rexeitar o grupo municipal do PSOE, coa abstención do PP, a proposta de remunicipalización formulada no pleno de abril de 2016 polo grupo municipal de Nigrán Decide, no que participaba Esquerda Unida. Nese pleno, para xustificar o rexeitamento do grupo municipal socialista, o alcalde sinalou que unha auditoría debíase levar a cabo para contar cos elementos para esa mellor decisión. Sen embargo, o goberno municipal non realizou ningunha auditoría do servizo, a pesar de estar orzamentada.

Finalmente, este xoves 30 de setembro, último día para poder facelo segundo se estipula no contrato, non denunciou o contrato, prorrogándoo durante cinco anos máis, até 2027.

Para José Cuevas, voceiro de Esquerda Unida en Nigrán, está claro que, a pesar de ter a etiqueta de socialista, o goberno de Nigrán non aposta pola recuperación dos servizos públicos esenciais privatizados, como é o do abastecemento de auga. Cómpre lembrar que, como se documentou no pleno celebrado en 2016, o Tribunal de Contas, no seu Informe 1.010 de fiscalización do sector público local do ano 2011, asegura que a xestión privada dos servizos básicos como o abastecemento de auga e saneamento custan á cidadanía máis dun 10% máis que na xestión directa e ao mesmo tempo a xestión privada ten un 25% máis de perdas de auga que a xestión pública. “Por outra parte, a oposición, neste caso o Partido Popular, parece que non se preocupou do tema, xa que non realizou ningún tipo de iniciativa con relación a esta cuestión, converténdose en cómplice do goberno municipal na prorroga deste servizo”, finaliza Cuevas.