Concello de Nigrán e Bicivoadores Val Miñor organizan a XII BTT con máis de 150 participantes

Concello de Nigrán e Bicivoadores Val Miñor organizan este domingo 10 de outubro a XII BTT Concello de Nigrán con máis de 150 participantes e cuxo prazo de inscrición permanece aberto ata este venres ás 22:00 horas ou ata acadar os 250 anotados. Así, os interesados deben pagar ao club 12 euros a través do número de conta bancaria ES88 0073 0100 5205 0625 5165 e enviar o xustificante a bicivoadoresvalminor@hotmail.com. É obrigatorio o uso de proteccións, así como o de máscara.

A proba, cada ano cun percorrido novo cheo de espectacularidade, arranca ás 9:00 horas na Praza do Concello e consta de 35 km de dificultade media-alta a través dos montes de Chandebrito, Coruxo, Saiáns, Parada, Vilaza e regreso ao Concello. A hora de finalización prevista é ás 13:00 horas e os tres primeiros clasificados recibirán trofeos, ademais, sortearanse agasallos entre os participantes e ofrecerase pinchos e bebida. Desde a organización destacan que se trata dun circuíto axeitado tanto para principiantes como para afeccionados xa veteranos.

Para máis información chamar aos teléfonos 610536793/628098922.