A Escola de Xadrez de Gondomar esperta gran interese entre os máis novos

O Concello de Gondomar, a través do seu departamento de Deportes, puxo en marcha esta semana a Escola de Xadrez, a nova iniciativa que o goberno local desenvolverá en colaboración de “Xadrez Galego”, cuxos mestres xa impartiron as primeiras clases esta semana.

Nas dúas primeiras semanas xa son 15 os alumnos/as os/as que se animaron a matricularse na Escola Municipal de Xadrez e “xa amosaron as súas aptitudes para enfrontarse ás táboas e aos seus rivais”, manifestou o rexedor Paco Ferreira, que seguiu de preto as primeiras partidas que se desenvolveron na aula.

Con esta iniciativa o Concello de Gondomar quere converterse nun punto de encontro de xadrecistas e animar a práctica deste xogo en toda a comarca do Val Miñor, sen descartar que se poidan formar futuros campións e campioas na materia.

A Escola de Xadrez nace con vocación de converterse nun referente na que ademais de “formar, tamén potenciemos esta actividade, así como a organización de diferentes competicións”. Tamén abre a posibilidade das clases en liña e, no seu momento, organizar xornadas abertas para achegar o xadrez a todos/as, así como a colocación de distintos taboleiros en zonas de lecer para xogar en calquera momento do ano.

Matrícula

O prazo de matrícula continúa aberto e as persoas interesadas poderán formalizala no Pavillón Municipal Bernabé Costas, rexéndose esta actividade tanto polas normas como as taxas das Escolas Deportivas Municipais 2021/22. O curso, que terá unha duración de oito meses, impartirase os luns e xoves no Auditorio Municipal Lois Tobío.

Haberá tres grupos diferentes: persoas de 6 a 16 anos, un segundo de 16 a 55 anos e, por último, o alumnado que supere os 55 anos. Para máis información pódense dirixir ao teléfono 608748393 ou ao correo deportes@concellodegondomar.gal.