Baiona, epicentro da motonáutica intercontinental

A UIM – Unión Internacional de Motonáutica, con sede en Mónaco, tras a reunión mantida de maneira telemática cos membros do seu Comité Técnico, reorganizou o calendario de competición da presente tempada, un axuste en destinos, categorías e datas, que foi cambiando e evolucionando de maneira paralela á actual situación pandémica mundial.

Entre estas asignacións a UIM concedeu a Baiona a celebración dunha das dúas probas do Campionato de Europa de Endurance, conxuntamente coa cidade italiana de Rávena, ao norte do país, fronte á costa de Croacia, bañada polo Mar Adriático, do que a vila do Val Miñor será peche do continental.

Así mesmo, a UIM tamén outorgou a Baiona a celebración dunha das tres probas do Campionato do Mundo de Endurance, sendo ecuador entre a primeira que acolleu a cidade italiana de Rodi Gargánico, con augas do Mar Adriático que comparte fronte á costa de Montenegro, e a terceira, na malagueña Benalmádena.

Cabe destacar, tamén, que en Baiona disputarase o Campionato de España da modalidade, convocatoria que implementará o número de pilotos participantes.

O evento presentouse este martes na Casa da Navegación de Baiona, con intervencións do Alcalde, Carlos Gómez; Ana Laura Iglesias, Deputada de Turismo e Xuventude; Daniel Benavides, Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia; e José Fernández Prado, presidente da Real Federación Galega de Motonáutica.

Ao acto, que se celebrou ás 12:00 do mediodía, acudiron unha vintena de representantes das institucións e das empresas privadas que apoian este mundial, destacando a presenza do Segundo Comandante Naval de Vigo, Luís Salanova; o vicepresidente do Liceo Marítimo de Bouzas, Manuel Veiga; o director rexional de Paradores, Francisco Plaza; o director de Onda Cero Galicia Sur, Miguel Nóvoa; e moitos máis, entre os que cabe destacar a Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona; Protección Civil; ou Gardacostas de Galicia.

En Baiona estrearanse as novas categorías do Endurance: Promotion 150 (P), Boat Production 300 (B) e Sport 450 (S).

Galicia conta con ampla experiencia neste tipo de embarcacións. Non en balde Vigo albergou unha proba do europeo no Marisquiño de 2017 e Sanxenxo foi enclave único tamén do continental, en 2019. Pero nunca se conseguiu ata o de agora que unha localidade española albergase un europeo, un mundial e un campionato de España.

Este éxito débese, fundamentalmente, ao esforzo efectuado polas Reais Federacións Española e Galega de Motonáutica, que traballaron con moita ilusión neste proxecto acompañadas polas institucións que tutelan o deporte en España e Galicia, como son o Consello Superior de Deportes, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona, sempre dispostas e animadas no seu apoio, do mesmo xeito que o Porto Deportivo Baiona, que será sede e epicentro do evento.

Finalmente, a convocatoria foi todo un éxito, cunha vintena de embarcacións confirmadas, con pilotos que serán embaixadores de países como Holanda, Bélxica, Italia, Portugal, Kuwait e España. O noso país conta cunha ampla representación entre a que destacan os vigueses Keko Pereira, José e Yeray Lorenzo, que xa saborearon os meles dos podios mundiais.

O Endurance é un tipo de embarcación que conta cunha eslora aproximada entre os 7 e os 9 metros, motores que alcanzan unha velocidade de 70-80 nós (uns 130-150 km/h.) e unha tripulación composta por piloto e copiloto.

O percorrido móntase sobre un circuíto entre boias fondeadas na Enseada de Baiona, cunha lonxitude de 3,5 millas náuticas (6,5 km) ao que terán que dar 10 voltas para completar 35 millas de percorrido total, un 65 km. e cuxo control de carreira estará situado no miradoiro da Escultura de Soledad Penalta, en Santa Marta.

Exercicio de Rescate

O domingo 17 de outubro, ás 11:00 horas, os Gardacostas de Galicia da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, coa intervención do helicóptero Pesca 1 e a colaboración de Salvamento Marítimo e Protección Civil Val Miñor, realizarán un exercicio de rescate, que será radiado pola megafonía do evento e no que se escoitará a narración completa dun simulacro de incendio a bordo dunha embarcación fondeada nas inmediacións de Santa Marta, coa chamada de socorro dos náufragos e a resposta de Salvamento Marítimo e os Gardacostas en conversación cos pilotos do Pesca 1. Esta narración é un vehículo de coñecemento para dar a coñecer como se establecen os protocolos de comunicación nunha emerxencia na mar, descoñecidos de maneira habitual polo gran público.

Las Acacias-Montecastelo

O colexio plurilingüe Las Acacias – Montecastelo será o encargado de dotar de alumnas e alumnos con titulación Cambridge ao evento como tradutores oficiais en inglés, para facilitar o traballo dos asistentes que do 14 ao 17 de outubro faranse cargo da chegada dos pilotos internacionais para instalalos no paddock, rexistro na secretaría da carreira, briefing de Comisarios Internacionais, recepción oficial ás institucións e patrocinadores, así como presentación da gala de entrega de premios.

Galicia en Danza

A destacada Escola de Baile de Baiona, Galicia en Danza será a encargada de poñer o broche de ouro ao Campionato do Mundo de Endurance con dúas actuacións musicais coreografiadas, a primeira ao comezo da entrega de premios e a segunda na súa despedida, como peche da mesma.

HORARIOS

Venres, 15 de outubro de 2021.-
– 12.00 – 14.00 h. Rexistro de participantes e verificacións técnicas.
– 12.30 – 14.00 h. Emisión en directo “Más de Uno” – Onda Cero
– 13.00 – 14.00 h. Recepción oficial Monte Real Club de Yates Bayona
– 15.00 – 20.00 h. Rexistro de participantes e verificacións técnicas
– 20.00 h. Peche do Paddock

Sábado, 16 de outubro de 2021.-
– 09.00 h. Apertura do Paddock
– 09.00 – 10.00 h. Rexistro de participantes e verificacións técnicas
– 11.00 h. Briefing de pilotos con Comisario e Seguridade da proba
– 12.00 – 13.00 h. Adestramentos libres
– 17.00 h. Primeira proba para as tres categorías
– 20.00 h. Peche do Paddock

Domingo, 17 de outubro de 2021.-
– 09.00 h. Apertura do Paddock
– 10.30 – 11.00 h. Adestramentos libres
– 11.00 h. Exercicio de rescate coa intervención do helicóptero Pesca
– 12.00 h. Segunda proba para as tres categorías
– 14.00 h. Entrega de premios