
Uns meses despois da súa inauguración, e tras acoller actividade cultural durante todo o verán dentro da programación “Baiverán”, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona, o Multiusos-Mercado de Sabarís retoma as exposicións coa mostra colectiva do Grupo Galeoska. As persoas interesadas poderán visitar a exposición de pintura, fotografía e escultura “Do pensamento grupal á creación individual” ata o 15 de outubro de luns a venres en horario de 17:00 a 20:00 horas e os sábados e domingos de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
As seguintes exposicións que ocuparán o espazo serán a de Maria Xosé Bravo, con técnicas mixtas, óleo, acrílico e acuarela, e a de Francisco Javier Sola, con fotografías de viaxes e retratos. Poderase gozar destas mostras do 16 ao 30 de outubro de luns a venres en horario de 18:30 a 20:00 horas e os sábados e domingos de 11:30 a 13:30 e de 18:00 a 20:00 horas.
O Concello de Baiona organiza este outono actividades culturais en diversos espazos públicos co obxectivo de dinamizar a vida da localidade e contribuír á reactivación económica. O Alcalde explicou que “queremos que Baiona siga tendo a actividade cultural que nos caracteriza máis aló do verán, pero, á vez, fixemos un importante esforzo por adaptar cada unha delas ás circunstancias actuais e que sexan completamente seguras”. Neste sentido, comentou que “se apostou por organizar eventos que se celebrarán en distintos puntos da localidade -Multiusos-Mercado de Sabarís, Auditorio V Centenerio…- e en cada un cumpriranse estritamente todos os protocolos actuais”.
En referencia á programación en si, Gómez Prado explica que “como sempre, buscamos que o noso aceno de identidade sexa a variedade, de modo que podamos ofrecer un calendario de eventos atractivos a calquera persoa, con independencia da súa idade, os seus gustos”. As actividades son organizadas pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona, dirixida por Miriam Costas Iriarte.