Prades pon o broche de ouro á mellor tempada do Vigo-Rías Baixas

Coa súa décimo oitava vitoria e un podio na xeral, o Vigo-Rías Baixas pechou este domingo en Estremadura unha tempada inesquecible. Benjamí Prades impúxose na segunda xornada da Volta Tajo Internacional e Pablo Ara pisou o podio por partida dobre: segundo en clasificación da Challenge e mellor sub23. Éxitos que completan a extraordinaria colleita da estrutura presidida por José Luis Chamorro no 2021, o ano que o conxunto flúor conquistou por primeira vez a clasificación Elite por equipos da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

A pesar de ter no peto o triunfo na clasificación estatal por escuadras, os pupilos de Marcos Serrano non baixaron a garda e deron continuidade no arranque de outubro ao seu sensacional mes de setembro. A Volta Tajo Internacional expuña dúas xornadas pola provincia de Cáceres con terreo para que a clausura desta campaña resultase moi movida. O primeiro día, no II Gran Premio Concello de Salorino, os corredores afrontaron no ecuador dos 124 quilómetros de percorrido o alto de 1ª categoría de Membrío, unha ascensión na que Pablo Ara estivo atento para filtrarse na fuga que acabou xogándose o triunfo.

O sub23 oscense do Vigo-Rías Baixas puxo terra polo medio xunto a outros nove ciclistas e a escapada presentouse nos últimos quilómetros con máis de 2 minutos e medio de vantaxe sobre o pelotón. O máis rápido na meta de Salorino foi Ángel Coterillo (Gomur), que se anotou a vitoria e ademais “picou” 2 segundos. Ara entrou terceiro.

A guinda

Metido de cheo na loita pola xeral, o equipo flúor moveu as súas pezas desde o inicio no 144 km do II Gran Premio Mata de Alcántara celebrado o domingo. Tras coroarse xa no km 11 o Alto Puente Romano, de 1ª categoría, Álvaro Carasa participou nunha escapada de catro unidades que chegou a gozar dunha renda de 2 minutos. O cuarteto rompeu no terceiro dos catro portos da xornada e, unha vez neutralizados todos os fuxidos, as ramplas da ascensión final a Mata de Alcántara, subida de 2ª categoría, deixaron o pelotón reducido a 40 corredores.

Do mesmo xeito que sucedeu a fin de semana anterior en dúas etapas da Volta Ciclista Estremadura, Benjamí Prades exhibiu os seus dotes de “matador”. O vixente campión de España Elite fixo valer a súa calidade e o seu estado de forma para rubricar a décimo oitava vitoria do ano para a formación olívica. Levantando os puños venceu cun tempo de 3 horas 22 minutos e 7 segundos.

En décima posición, co mesmo rexistro que o seu compañeiro, concluíu Ara, un resultado que lle serviu para ascender ao segundo posto da xeral absoluta e obter o trofeo de mellor sub23 da Challenge. Recibindo premios o Vigo-Rías Baixas despediu unha tempada que se puxo en marcha a finais de febreiro e que oito meses máis tarde baixa o pano co proxecto impulsado por José Luis Chamorro coroado como mellor equipo Elite do panorama estatal.