A Copa Galicia de Ciclocrós arranca con “dobrete” do gondomareño Ricardo Buba

FOTO: LUZ IGLESIAS // Ricardo Buba en Campañó.

A Copa Galicia de Ciclocrós 2021 activouse esta fin de semana cunha intensa programación. O pistoletazo de saída deuse o sábado co V Ciclocross Concello de Pontevedra e a acción continuou o domingo no IV Ciclocross Poio Móvese 2021.

Unha semana antes de que a Illa das Esculturas acolla unha proba de nivel UCI C1, noutro punto de Pontevedra lanzouse a apaixonante temporada de ciclocrós galego. O Pinarium organizou a primeira xornada da Copa no circuíto do Hipódromo de Campañó. Ricardo Buba (Vigo-Rías Baixas) anotouse a carreira júnior cun tempo de 36 minutos e 41 segundos, cunha vantaxe superior ao minuto (1:20) respecto o segundo clasificado, André Martínez (Avanza-Porriño). Terceiro finalizou Miguel González (Cube CX Team).

O gondomareño volveu subir ao máis alto do podio o día seguinte na cuarta edición do evento impulsado polo Poio Bike Team. O circuíto da Seca, coa area como unha das dificultades a superar, viviu outra vitoria de Ricardo Buba nos júniors, cun rexistro de 35:51, a 6 segundos de Miguel González (Cube CX Team). André Martínez (Avanza-Porriño) foi terceiro.

A Copa Galicia regresará o 23 de outubro en Betanzos, pero antes haberá na nosa comunidade unha dobre cita de carácter internacional: o vindeiro sábado chegará a quenda do Gran Premio Cidade de Pontevedra e a do Ciclocross Internacional XaxánCX será o domingo.

FOTO: LUZ IGLESIAS // Ricardo Buba en Poio.
FOTO: LUZ IGLESIAS // Ricardo Buba en Poio.