A Deputación dá luz verde a 218.300 € para Baiona e Gondomar

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra volveu aprobar recursos para os municipios da provincia no marco das liñas 1 e 2 do Plan Concellos. Nesta ocasión deu luz verde a 429.300 euros para Baiona, O Porriño, Gondomar, A Cañiza e Redondela, cos que se actuará no alumeado público, na rede e saneamento ou no pavimento de viarios.

A Baiona chegarán 154.800 euros da liña 1 cos que o concello urbanizará e mellorará o alumeado público de tres rúas do barrio da Anunciada e do Camiño Longueiriña. As obras comprenden a rehabilitación e acondicionamento de viarios e beirarrúas así como a revisión e reforzo das instalacións urbanas existentes. Pola súa banda, Gondomar contará con 63.500 euros da mesma liña para as obras de mellora da pavimentación na estrada do Mosteiro, na parroquia de Donas. Con elas intervirase nun trazado comprendido entre a conexión coa EP-2304 ata o entroque coa estrada de Nogueira, no que se mellorará o firme e instalaranse saídas de augas pluviais para evitar encharcamentos.