Gondomar achegará 4.000 € ao programa “Vacacións en Paz” de nenos e nenas saharauís

O Concello de Gondomar asinou o pasado venres un convenio coa Asociación “Solidariedade Galega co Pobo Saharauí” co obxectivo de colaborar co programa “Vacacións en Paz”, grazas ao que este ano 12 nenos e nenas que viven nos Campamentos de Refuxiados do deserto de Tinduf, en Alxeria, pasarán as súas vacacións de verán no Val Miñor, 5 deles en Gondomar. O documento, que foi rubricado polo alcalde, Paco Ferreira, e a presidenta de SOGAPS, Maite Isla, contempla unha achega de 4.000 euros por parte do Concello, cantidade destinada a contribuír a sufragar o financiamento dos billetes de avión dos pequenos.

O Concello de Gondomar leva anos contribuíndo a esta causa de “Vacacións en Paz” dos nenos e nenas saharauís, evitando que permanezan os meses de calor de xullo e agosto nos campamentos con temperaturas en ocasións superiores aos 50º e que entre os obxectivos deste convenio están, entre outros, garantir os dereitos das nenas e nenos á saúde realizando controis médicos oportunos, asegurar a súa integridade física e emocional, respectar as súas crenzas e favorecer a súa integración no medio durante a súa estadía no noso país, facilitando a súa participación en alternativas de lecer e tempo libre.