Nigrán habilita un novo aseo nunha das aulas de infantil do CEIP Carlos Casares

O Concello de Nigrán, coa colaboración da ANPA do CEIP Carlos Casares de Vilariño, dotou dun aseo adaptado para crianzas unha das aulas de Infantil do centro educativo. A petición desta obra partiu da propia comunidade educativa, xa que a transformación dun pequeno almacén nun WC anexo á propia clase facilita enormemente a labor docente, máximo no primeiro ano, cando moitos nenos aínda están aprendendo a controlar os seus esfínteres. Todos estes traballos foron realizados durante o verán para non interferir co inicio da actividade educativa en setembro.

O investimento foi de 5.000 € e supuxo abrir unha claraboia e unha porta cara a aula para facilitar a vixilancia e o acceso dos pequenos, alicatar toda a estancia, pavimentala, pintala, pequenas obras de tabiquería e realizar acometidas para dous inodoros e dúas piletas tamaño infantil.