A Xunta poderá esixir o certificado COVID-19 para acceder aos locais que abran ata as catro da mañá

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou a Xunta a esixir a presentación do certificado COVID-19 para acceder aos locais de lecer nocturno que abran ata as catro da mañá e conten con capacidade de ocupación do 75 %, en interior, e do 100 %, en exterior. Os maxistrados indican no auto, notificado hoxe, que a medida está xustificada porque se aplicará en zonas en que aumenta o risco de transmisión do virus, pois se trata de “espazos pechados, onde se establecen contactos próximos e prolongados, con escasa renovación de aire, nalgúns casos, e realización de actividades nas cales é necesaria a retirada da máscara e de accións que ocasionan unha maior xeración de aerosois, como falar, en ocasións, cun ton de voz maior do normal ou cantar”.

Ademais, destacan que se trata de “espazos de socialización, que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención —uso de máscara e mantemento da distancia de seguridade—, ao que pode contribuír o consumo de alcol”. Por outra banda, indican que o plan elaborado pola Xunta para o lecer nocturno establece dous niveis, con diferentes requisitos, aos que se poden acoller os locais, de maneira que ningún establecemento se verá obrigado a pedir o certificado, pois só deberán requirilo aqueles “favorecidos por unha ampliación de capacidade e de horario”.

“Non se pode falar dun sacrificio desproporcionado cando a exhibición do certificado se esixe para o desenvolvemento dunha actividade de lecer onde a entrada ou o acceso ao establecemento é voluntaria para calquera persoa e onde a medida cumpre unha función que non só é a de evitar contaxios, senón tamén minimizar os riscos”, subliña a sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG, á vez que recalca que a medida pretende “evitar ou limitar a transmisión da infección, truncar a propagación da COVID-19 e interromper a cadea de contaxios”. Así, lembra que é unha “evidencia científica” que a transmisión do virus entre os vacinados é “moito menor á dos non vacinados”. Os maxistrados, por tanto, entenden que a medida é idónea.

O TSXG tamén destaca que a presentación do certificado cumpre o requisito da temporalidade esixido polo Tribunal Supremo, pois entrará en vigor desde as 00:00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata ás 00:00 horas do 23 de outubro. En canto a limitación xeográfica, o feito de que a implantación da medida non se limite por territorios ou zonas xeográficas e se aplique a toda Galicia, non impide, segundo a Sala, considerar a medida “proporcionada, necesaria e idónea”. Así, subliña que toda a documentación achegada pola Xunta “pon de manifesto que a situación epidemiolóxica actual é diferente á de hai un mes”.

Os xuíces tamén se refiren ao “contexto estacional” en que nos atopamos, pois advirten que a tempada de inverno limitará o uso de terrazas e espazos ao aire libre. “As actividades nos locais deberán desenvolverse no seu interior, o que reforza a necesidade de arbitrar mecanismos de control de acceso de persoas nos establecementos que pretendan incrementan os niveis de ocupación e capacidade”.

O TSXG sinala na resolución que acolle o criterio do Tribunal Supremo, que considera que a exhibición de determinada documentación para o acceso ao interior dalgúns establecementos en que se produce unha gran afluencia de persoas resulta “adecuada e acorde coas esixencias derivadas de protección da saúde, porque se refire a locais onde a entrada é voluntaria e onde non se realizan actividades esenciais, ás que se teña obriga de acudir”.