O PP de Gondomar denuncia que se pagaron obras no parque canino que non se executaron

O pasado 23 de agosto o alcalde de Gondomar, xunto aos deputados provinciais Carlos López Font e Iria Lamas, inauguraron o parque canino, adxudicado en 77.254,87 euros á empresa Talud Verde, segundo denuncia o Partido Popular, “sendo coñecedores de que non estaba realizada toda a obra pero que polo contrario si fora pagada por un importe superior á adxudicación, a pesar de realizar a metade da obra presupostada”.

Por este motivo, a voceira do Partido Popular de Gondomar vén de presentar un escrito no Concello demandando do alcalde que se realicen as xestións necesarias para comprobar o pago de obras non realizadas no parque lúdico e canino por un importe que se achega aos 39.000 euros.

“O alcalde de Gondomar, unha vez levantados os reparos de Intervención, ordenou o pago de 20 bancos non colocados, do saneamento que non existe xa que as fontes verten directamente a auga polo pé das mesmas, o sementado de céspede por importe de case oito mil euros que non se realizou e a construción dun muro de formigón á beira do río, entre outras obras non executadas”, afirma Bouzós.

“O Sr. Ferreira, apadriñado polos deputados provinciais Carlos López Font e Iria Lamas, anunciou a bombo e platillo a inauguración dun parque canino de tres mil metros cadrados que foi executado na súa metade e abonado por un importe superior ao da adxudicación. Atopamos obras non realizadas e elementos non colocados que pola contra foron pagados en demasía polo Sr. alcalde. Espero que o Sr. Ferreira tome cartas no asunto e repoña a legalidade nesta obra”, argumenta Paula Bouzós.

A voceira do PP gondomareño volve recordar o que leva afirmando en toda esta lexislatura sobre este goberno municipal, que se caracteriza por gobernar por impulsos e ocorrencias e sen ningún control sobre as obras que executa.