O Consello de Contas de Galicia investigará ao Concello de Gondomar tras unha denuncia de Manifesto Miñor

Hai un par de semanas, dende Manifesto Miñor puxeron en coñecemento do Consello de Contas de Galicia a situación do Concello de Gondomar, cuns orzamentos prorrogados dende hai case dez anos, e cuns gastos de máis de 5 millóns de euros con reparos da Intervención municipal, solicitando o amparo e a investigación e/ou intervención do Consello de Contas de Galicia “para frear esta situación que consideramos moi grave coa finalidade de aclarar o que acontece no Concello de Gondomar co emprego dos cartos públicos e a contratación de obras e servizos, pagos de horas extras, etc, etc., coa finalidade de acabar con este tipo prácticas tan pouco recomendables nunha sociedade moderna e democrática”.

“Entendemos que os cartos públicos, que saen basicamente dos impostos de toda a veciñanza, son sagrados e non se poden gastar como ao Señor Ferreira lle dea a gana. O Alcalde soamente mira polos seus intereses persoais e partidistas, pasando por enriba das normas ou facendo caso omiso das advertencias da Intervención do Concello”. Tras analizar o escrito remitido por Antonio Araújo e Rocío Cambra, o Consello de Contas de Galicia acordou incluír ao Concello de Gondomar dentro da mostra que será obxecto de exame no Informe sobre o control interno das entidades locais previsto no seu plan de traballo.

“Á cuestión de termos uns orzamentos prorrogados dende 2011, e en consecuencia unhas Bases de Execución obsoletas, hai que lle sumar a negativa sistemática do Goberno Municipal a sacar a concurso público cuestións tan relevantes orzamentariamente como son a subministración eléctrica, a telefonía, ou outros servizos que presta o Concello. Non hai moito que se adxudicaron en concurso público a recollida de RSU e a Axuda no Fogar. Por último, outro caso recorrente á hora de levantar os reparos da Intervención Municipal, son as nóminas do persoal do Concello debido ao abuso, sempre na mesma dirección, do pago das horas extraordinarias, entre outras cuestións”, sinalan os concelleiros de Manifesto Miñor.

Levantamento de reparos

“Como di a propia doutrina dese Consello de Contas, os levantamentos de reparo deben ser un procedemento excepcional e sempre debidamente xustificados. Pois ben, no caso do Concello de Gondomar é xustamente o contrario. A aplicación da norma vén sendo, reiteradamente, o excepcional. Segundo os nosos cálculos, cos medios e información á que temos acceso, entre o ano 2019 e o que vai deste 2021, o Sr. Alcalde levantou reparos por un importe de 5.300.000€ (aproximadamente 254 levantamentos de reparo), sen incluír neste cómputo ás nóminas do persoal municipal, o pago da corrente eléctrica, ou os gastos de telefonía”, apuntan no seu escrito Araújo e Cambra.

“De nada serven as advertencias da Intervención Municipal ou as preguntas e os rogos que sobre este proceder lle facemos dende os grupos da oposición ao Sr. Alcalde nos plenos da Corporación Municipal. De todo iso fai caso omiso facendo gala dunha prepotencia e falla de respecto polas normas difícil de encontrar noutras administracións municipais. Á vista de como o actual Goberno Municipal, cuxa responsabilidade principal ou única neste xeito de proceder recae no Alcalde, usa os cartos públicos e abusa da contratación de obras e servizos, dende o Grupo Municipal Manifesto Miñor-En Marea consideramos que no mellor dos casos estaríamos diante dunha evidente práctica de clientelismo político, e no peor na antesala da corrupción”, conclúen.