Nigrán organiza unha xornada de sensibilización medioambiental

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 2 de outubro diversas actividades na Praia de Patos e Cansadoura abertas ao público e dirixidas a promover a concienciación e sensibilización medioambiental. Así, coa colaboración do festival Vive Nigrán e o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda, o Concello organiza a derradeira xornada “Vive Sostible” dedicada esta vez a retirar lixo mariño da Praia da Cansadoura, ao carón de Patos e onde nunca antes se interveu.

Os interesados teñen como límite este venres 1 de outubro ás 13:00 horas para inscribirse a través dun formulario web en http://www.nigran.es (o punto de encontro é ás 10:00 horas ao final do mercado de Patos, na rampla que baixa a este areal). Recoméndase levar luvas, auga e calzado e roupa axeitados. A continuación, ás 12:00 horas, Alfredo López, membro da xunta directiva do GALP e coordinador do CEMMA, organizará un simulacro de rescate dun golfiño vivo dirixido a todos os participantes e a todo aquel que se queira sumar.

Xa pola tarde e na Praia de Patos ás 17:00 horas, Antón Lois, portavoz de Amigos da Terra, impartirá un obradoiro técnico dirixido a todo tipo de público e destinado a analizar os microplásticos que se atopan na area, para o que levará un microscopio e lupas de aumento. Para esta actividade non é preciso inscrición previa, simplemente hai que presentarse á hora sinalada no paseo (á altura da caseta de Protección Civil).