Gondomar inspeccionou máis de 13.500 parcelas recollidas no seu Plan de Prevención contra os Incendios Forestais

O Concello de Gondomar, a través da Concellería de Medio Ambiente, poñerá a disposición da veciñanza un servizo de información e asesoramento aos que se lles comunique oficialmente as súas obrigacións respecto ao mantemento das súas parcelas.

A Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, estipula que os titulares de terreos forestais teñen a obrigación de realizar a limpeza das parcelas máis próximas ás vivendas, antes do 31 de maio de cada ano.

Finalizado dito prazo legal, e en virtude do convenio subscrito no seu día pola Xunta, FEGAMP e a empresa pública SEAGA, ao cal está subscrito o Concello de Gondomar, dita empresa procedeu nas últimas semanas á inspección dun total de 13.500 parcelas incluídas dentro das faixas secundarias de xestión de biomasa dos núcleos definidos no PMPDCIF. Os propietarios coñecidos recibirán nos vindeiros días unha comunicación oficial para que asuman as súas obrigas e rocen, clarexen e/ou corten o arborado prohibido nas zonas revisadas.

Servizo de información con cita previa

O Concello de Gondomar poñerá un servizo de información e asesoramento a disposición de aquelas persoas que reciban a citada comunicación e precisen aclarar calquera dúbida que poida xurdirlles. Para iso será imprescindible solicitar cita previa chamando ao teléfono 678 874 979 ou 647 857 972. Os días de atención ao público serán luns, mércores e venres de 09:00 a 12:00 horas na Concellería de Medio Ambiente.