A Aula Hospitalaria e a Atención Educativa Domiciliaria da Área Sanitaria de Vigo inician o curso escolar

A Aula Hospitalaria e a Atención Educativa Domiciliaria da Área Sanitaria de Vigo xa iniciaron o curso escolar. Ambos os servizos, que dependen da Consellería de Educación, teñen a súa sede no Hospital Álvaro Cunqueiro na zona próxima ás plantas de hospitalización pediátrica. Neste curso estréanse as novas instalacións xa reformadas, con maior amplitude e servizos.

No acto simbólico da apertura do curso estiveron presentes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares; a xefa de servizo de Pediatría, Ana Concheiro; a xefa de hospitalización de Pediatría, Mar Portugués; as profesoras da aula e persoal de enfermería da planta.

A Aula Hospitalaria conta con dúas profesoras, cuxo traballo consiste en que os nenos e nenas hospitalizados perdan a menor actividade escolar posible a pesar de estar enfermos. Para iso, unha das profesoras permanece nas instalacións da aula e atende aos nenos que poden saír das súas habitacións, mentres a outra atende as necesidades educativas dos pequenos pacientes que, por prescrición médica non poden abandonar a habitación.

Aínda que a actividade educativa está, como é evidente, en función do número de nenos e nenas ingresados, o pasado curso escolar atendeuse a unha media diaria de máis de 20 alumnos e alumnas.

Programa pioneiro

A outra faceta docente que se realiza é a Atención Educativa Domiciliaria. Desde o curso pasado ten a súa sede e a coordinación no Hospital Álvaro Cunqueiro, nun programa pioneiro da Consellería de Educación, xa que anteriormente a sede deste servizo estaba nun colexio público.

O profesor desprázase unha vez por semana aos domicilios dos escolares que deben permanecer nos seus domicilios por un período de tempo, por prescrición facultativa. Un docente encárgase deste labor, aínda que ao longo do curso,o número é máis elevado, tamén en función da demanda.

“O pasado curso chegou a haber 11 profesores para atención domiciliaria e atendeuse ata 55 nenos e nenas”, explica Marta Nieto, responsable da Aula Hospitalaria, que engade: “A demanda aumenta segundo avanza o ano escolar”.

A Aula Hospitalaria non soamente persegue manter o nivel educativo dos pacientes pediátricos, senón que tamén organiza actividades lúdicas para o tempo de estancia dos pacientes sexa o máis levadío posible. A finais do curso pasado puxeron en marcha, ademais, un blog co nome de “Sen cita previa” (https://aulahospitalariavigo.blogspot.com/ ) no que se reflicten as actividades de todo tipo que se realizan.