Preto de medio centenar de veciños e veciñas de Gondomar completan o Camiño de Santiago

Preto de medio centenar de veciños e veciñas de Gondomar completaron este sábado a súa peregrinaxe ata a capital de Galicia, chegando á Praza do Obradoiro e logrando a súa Compostela na Catedral de Santiago, onde os esperaba o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, para recibilos.

Con moitas risas e momentos inesquecibles ás súas costas este grupo de veciños e veciñas poñen punto e final á peregrinación por etapas que arrancaba desde Gondomar o pasado día 5 de setembro, xornada na que cubriron a distancia que separa a vila de Vigo, percorrendo un pequeno tramo do Camiño da Nosa Señora do Norte para sumarse posteriormente ao Camiño Portugués pola Costa ao chegar a Nigrán, roteiro que manterían nas seguintes etapas.

Sen que fraqueasen as forzas e compartindo momentos e anécdotas durante todo o camiño completaron cada sábado do mes un tramo diferente. Desta forma fixeron un total de 100 quilómetros tras cubrir o resto de etapas: Vigo-Pontevedra, Pontevedra-Valga e, finalmente, este sábado os últimos pasos que os separaban de Santiago de Compostela.

Acompañados pola concelleira de Turismo, Rocío Goberna, os e as participantes mostraron a súa satisfacción por lograr o seu obxectivo e agradeceron ao alcalde Paco Ferreira e ao Concello de Gondomar, responsable da organización e financiamento da actividade, a súa implicación en todo momento para facilitarlle o percorrido, así como o poder peregrinar a Santiago coincidindo coa celebración do Ano santo.