
A praia de Patos, no concello de Nigrán, converteuse na festa da inclusión, deportividade e competición este pasado sábado. O areal situado na Ría de Vigo albergou unha nova edición, a primeira nas súas augas, do Campionato de España de Surf Adaptado.
O evento, que contou cun incrible número de competidores e de asistentes, cualificábao Román Díez, presidente da Federación Galega de Surf, como un rotundo éxito. “Estamos moi contentos co campionato, acompañounos o sol, víronse unha chea de caras novas na auga, un gran nivel dos competidores e unha numerosa afluencia de público. A verdade, mellor imposible!”.
O Campionato de España de Surf adaptado cunha das participacións máis altas da súa historia deixa como novos campións nas súas respectivas categorías a Ibon Gurrutxaga, Xabier Ayestarán, Audrey Pascual, Marcos Tapia, Sarah Almagro, María Martín Granizo, Carlos Dopico, Aitor Francesena, Ander Goenaga, Carmen López e Celia Gramse.
Como mostra un botón, o surf adaptado en España non para de crecer en número e en repercusión. Hai un ano o equipo español proclamábase campión do mundo e en escasos dous meses volverá a California a tratar de revalidar o título.
Un escaparate que non pasa desapercibido para ninguén, “tanto o Concello de Nigrán como a Xunta de Galicia comunicáronnos que queren seguir apostando por este tipo de eventos deportivos”, resaltaba o presidente da federación galega.
Próximo obxectivo para o surf adaptado español, defender o título de Campións do Mundo de Surf Adaptado en California no mes de decembro.