Máis de 300 persoas participaron este domingo no “Patos Surfing Day 2019”, organizado polo Concello de Nigrán e a Asociación de Escolas de Surf de Patos. Durante este día, centenares de profesionais por todo o mundo presentaron ao público a cultura e o deporte do Surf a través de diferentes actividades completamente gratuítas. Son xa 11 anos desde que comezou esta iniciativa, que ten como fin a promoción do Surf. Neste día diversas organizacións celebran en todo o mundo un día de festa no que se fan limpezas de praias, as escolas dan cursos gratis de surf, fanse grelladas na praia, etc…
No 11º Patos Surfing Day púidose gozar de música na praia, exhibición de corcho-panes dos monitores das escolas de surf, baby curso gratuíto de Surf para os máis pequenos, karaoke, ioga, gran grellada na praia e como sempre ao finalizar o día nun último acto ecolóxico, realizouse unha limpeza da praia. Este acontecemento no areal de Patos está a converterse nunha xornada moi familiar con actividades tanto para nenos como para maiores, ou tamén para non ver aos nenos en toda a xornada entretidos polos monitores das escolas de surf. Pero tamén se empezan a ver as distintas xeracións de surfeiras que empeza a haber en Patos, onde os primeiros surfeiros da praia xa teñen fillos e a algún xa queda pouco para ser avó.
“Foi incrible ver aos pequenos e non tan pequenos, probarse por primeira vez un neopreno, ou coller a súa primeira onda, o seu sorriso foi a recompensa a tanto esforzo. Moitos deles a partir de agora van ver as ondas e as praias doutra maneira, e a maioría dos pais non saben o que lles espera…”, comentan desde a organización. Este ano o número de inscritos foi o máis elevado de todas as edicións. Máis de trescentas persoas puideron gozar das actividades programadas, con centos de espectadores involuntarios que se atopaban na praia de Patos, e iso que o día acompañou a medias.
Desde a Asociación de Escolas de Surf de Patos queren agradecer a asistencia dos numerosos inscritos que lles acompañaron nun día tan especial e por suposto ás escolas de Patos, xa que para todos os presentes esta foi unha das mellores edicións.







