O Vigo-Rías Baixas caza a camisola amarela na primeira etapa da Volta Estremadura

O Vigo-Rías Baixas fixo pleno cun só disparo no arranque da Volta Ciclista Estremadura. Miguel Ángel Fernández impúxose no sprint de Olivenza, vestiuse de líder e logrou uns suculentos puntos que reforzan o primeiro posto da estrutura presidida por José Luis Chamorro na clasificación Elite por equipos da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). Máis puntería, imposible.

O corredor cántabro cruzou a liña de meta desenfundando tras obter a súa sexta vitoria da tempada e demostrar, unha vez máis, que é o velocista máis poderoso da categoría. O seu nome aparecía en todas as quinielas antes do inicio dos 136 quilómetros entre Monesterio e Olivenza, un percorrido sen ningún porto puntuable e chamado a resolverse nunha chegada masiva. Por se saltaba a sorpresa, e producíase outro desenlace, os pupilos de Marcos Serrano estiveron atentos a meterse nos intentos de escapada.

Noel Martín formou parte dun cuarteto que foi neutralizado no ecuador da etapa e no tramo final, cando restaban 7 km para a meta, o campión de España elite Benjamí Prades demarrou aproveitando un repeito. Acompañado por Rodrigo Álvarez (Gomur), o seu pulso co pelotón durou case dous quilómetros. Nunha xornada na que se voou, cunha velocidade media de 48,179 km/ h, o sprint estaba servido e Fernández asinou un triunfo incontestable.

Vitoria 13+1

Cun tempo de 2 horas 49 minutos e 22 segundos, o ex profesional cántabro do Vigo-Rías Baixas dominou a “volata” con solvencia por diante de David Martín (Eolo Kometa). Aínda que non se picou ningún segundo, o resto dos integrantes do pelotón non puideron seguir a roda dos dous primeiros.

A exhibición de Fernández en terras pacenses eleva a catorce o botín de triunfos do seu equipo no que vai de 2021. Media ducia deles conquistounos o seu velocista: gañador do GP Villa de Mojados, dunha etapa na Volta a Zamora, do Trofeo Concello de Zamora, da Volta á Comarca Brigantina e da Nocturna no Porriño. Segundo clasificado na clasificación elite individual da RFEC, o seu triunfo en Olivenza aperta a loita polo primeiro posto na recta final da tempada.

Coa presenza no podio do presidente da Junta de Extremadura, Guillermo Fernández Vara, o ciclista santanderino do Vigo-Rías Baixas recibiu a camisola amarela da Xeral e o verde a Regularidade. Estas dúas pezas poñeraas en xogo este sábado nunha etapa de 142 km entre Montijo e o porto de 3ª categoría do Castelo de Trujillo, unha explosiva subida con tramos empedrados e ramplas que chegan a alcanzar o 9% de desnivel.