As plataformas locais en defensa da sanidade pública apoian a manifestación do vindeiro xoves

O pasado martes 22 reuníronse en Vigo representantes de plataformas en defensa da sanidade pública constituídas en diversas localidades da área sanitaria de Vigo -A Guarda, Gondomar, O Condado, Oia, O Porriño, O Rosal, Tomiño, Val Miñor e Vigo-, xunto co voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín.

Na reunión acordaron crear unha rede entre elas para difundir e apoiar as mobilizacións a nivel local e coordinar accións conxuntas. Nese sentido acordouse apoiar a manifestación do 30 de setembro, convocada pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo, entendendo que profesionais e veciñanza deben ir da man á hora de defender a sanidade pública no seu conxunto e a atención primaria en particular e especialmente.

Na rolda de prensa realizada este venres fíxose público un comunicado conxunto ao que deu lectura Manuel Martín en nome das plataformas, e animouse a colectivos veciñais e sociais a sumárense a esta iniciativa e a apoiaren a manifestación.