Gondomar lanza unha App de incidencias para que a veciñanza colabore en materia de limpeza urbana

O Concello de Gondomar pon en marcha unha campaña de concienciación social sobre a responsabilidade colectiva en materia de limpeza urbana. En colaboración coa concesionaria, facilitará unha app de incidencias para que a veciñanza as poida comunicar de forma directa, ademais desenvolverá unha campaña informativa e de concienciación sobre o labor que se está realizando desde a chegada da nova concesionaria hai dous anos.

A instalación de máis de mil contedores novos, a modernización da frota de camións, a ampliación e adecuación do punto limpo, a promoción da reciclaxe entre a veciñanza con reparto de máis de 300 composteiros, ou, localización de contedores de pilas e material contaminante son algúns dos moitos cambios que o servizo de limpeza de Gondomar introduciu coa chegada da nova concesionaria no ano 2019.

“Un dos nosos obxectivos era poñer fin ao caos que nesta materia arrastraba a localidade durante gobernos anteriores e lográmolo”, afirma o alcalde Paco Ferreira, quen lembra que “por primeira vez fomos recoñecidos coa Escoba de Prata”. Esforzo que vai máis aló “de lograr que a vila luza limpa se non que segue no camiño da máxima implicación para converternos nun referente de sustentabilidade”.

Desde a Concellería de Medio Ambiente dáse un paso máis para lembrar que neste labor é precisa a implicación da poboación polo que se poñerá en marcha unha campaña específica de información e unha app para “chamar á responsabilidade colectiva e sensibilizar á veciñanza sobre as boas e malas prácticas, así como sobre o papel transcendental que xogan na mellora do servizo de limpeza e recollida, e no mantemento de Gondomar”.

App de avisos e incidencias

A Concellería de Medio Ambiente xunto á concesionaria facilitarán unha aplicación aos veciños para que a instalen nos seus teléfonos e desde a que poderán comunicar de forma directa e sinxela calquera aviso e incidencias relacionados coa limpeza. A aplicación, deseñada tanto para o sistema Android como para iOS, poderá descargarse e instalarse de forma sinxela na seguinte ligazón: https://cutt.ly/OEcptlF.

“Buscamos facilitar ao máximo a resposta aos problemas ou demandas dos veciños”, afirma o edil Brais Misa, quen explica que o deseño do interface será sinxelo e intuitivo e que en cinco pasos complétase: localización automática da dirección; documentar a incidencia cunha fotografía; tipificala; incluír un comentario opcional e finalmente enviar a información.

Ao mesmo tempo desenvolverase unha campaña de información e sensibilización para “tratar de que cada vez sexan máis os que coñezan a existencia do punto limpo, e o seu funcionamento” que irá acompañada dun cambio de serigrafías nos colectores “con mensaxes de concienciación e sobre o correcto uso de cada un de eles”. Por último, engade o reparto de folletos informativos “sobre a recollida de residuos no punto limpo e o funcionamento da nova app”.

Limpeza mediante decapado das zonas peonís

Coincidindo con esta campaña a concesionaria realizará un servizo especial de limpeza mediante decapado nas principais zonas peonís e de recreo de centro urbano co fin de “crear un impacto visual de sucidade cero”. Desenvolverase en 10 xornadas de traballo dun equipo composto por un condutor-operario e unha máquina decapadora de 1.500 litros de capacidade de auga para a limpeza en profundidade de beirarrúas e zonas peonís, equipada cunha bomba de alta presión. Unha vez finalizado o traballo se realizarán seguimentos para analizar o comportamento desde a poboación, desde un punto de vista cívico e de cumprimento da ordenanza pública de limpeza”.