
A Garda Civil detivo a dous veciños de Vigo, de 32 e 49 anos, con antecedentes policiais, como presuntos autores dun roubo perpetrado nunha casa no municipio de Nigrán. As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, iniciáronse a mediados deste mes cando o propietario do inmoble denunciou que lle subtraían unha importante cantidade de ferramentas e utensilios de cociña que gardaba no interior.
Trátase dunha casa situada no núcleo urbano de Nigrán, que se atopa en fase de rehabilitación. Para entrar, os presuntos autores tiveron que forzar a fechadura da porta da vivenda e así poder acceder á cociña de onde levaron algúns alimentos, bebidas e pequenos electrodomésticos. Unha vez dentro saltaron a través dunha xanela para chegar ao almacén e así poder subtraer unha importante cantidade de ferramentas de obra.
A información facilitada polo denunciante e a minuciosa inspección ocular que se levou a cabo no lugar dos feitos, conduciron á identificación dos presuntos autores. Trátase de dous veciños de Vigo, sen domicilio fixo, con antecedentes policiais por feitos de similares características.
Os dous foron detidos ao ser sorprendidos infraganti cando pretendían vender unha máquina rozadora nunha tenda de compravenda de obxectos de segunda man en Vigo.
A pesar de que a rozadora non figuraba entre os obxectos subtraídos na vivenda, as dúas persoas foron detidas ao comprobar que a maior parte dos efectos que foran subtraídos na casa, vendéranos no mesmo establecemento, sendo recuperados na súa práctica totalidade.
A investigación continúa aberta para pescudar a procedencia da rozadora. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberán comparecer os detidos cando sexan requiridos pola autoridade xudicial.