O Banco de Alimentos de Vigo permanecerá aberto, polo menos, ata este mércores, para poder seguir atendendo as necesidades urxentes de varias ONG, aínda que extremando as precaucións polo COVID-19.
Durante a xornada deste luns, tan só cinco voluntarios da entidade de maneira presencial axilizaron a entrega de alimentos a varios colectivos cuxa urxencia era importante. A previsión é seguir priorizando a entrega a colectivos que atenden a persoas con especial vulnerabilidade. “Os Bancos de Alimentos somos o ‘supermercado’ das persoas máis necesitadas e, garantindo sempre as medidas de prevención na nave de Lavadores aos nosos voluntarios, imos desempeñar o labor humanitario, polo menos ata o mércores. Non podemos fallarlles (persoas máis desfavorecidas)”, argumenta o presidente da ONG, Pedro Pereira, quen está en constante comunicación con responsables da Federación Española de Bancos de Alimentos.
A decisión de manter a axuda ata o mércores
Dado o carácter asistencial da institución e, tras a entrada en vigor do Real Decreto polo que se declara o estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus, a Fundación Provincial Banco de Alimentos decide rebaixar así a súa actividade e establece medidas de seguridade para a recollida de comida nos dous almacéns cos que conta, o de Vigo e Pontevedra.
Serán os voluntarios de maior idade os que quedarán nas súas casas por considerarse factor de risco e non poderán desempeñar ningún traballo presencial, aínda que, se é posible, si de maneira telemática. Será o persoal máis novo o encargado agora do labor solidario seguindo correctamente as medidas preventivas recomendadas.
Entre as normas esixidas ás entidades receptoras de comida, o respecto da distancia estipulada para evitar calquera aglomeración.
Operacións Quilo, aprazadas
Nas próximas semanas estaban previstas varias Operacións Quilo por parte de voluntarios do Banco de Alimentos, en concreto, en Carrefour e Gadis. Ambas quedan aprazadas.
A ONG, que acaba de cumprir 25 anos de actividade, repartiu ao redor de 1,8 millóns de quilos de alimentos durante 2019, atendendo a 20.000 persoas desfavorecidas na provincia, a través das 150 entidades homologadas coas que traballa.
O Banco de Alimentos, que se caracteriza por ser apolítico e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Actualmente, cobre o 35% das necesidades das persoas ás que axuda.

