O baionés David González, na Concentración Nacional de Loitas Olímpicas

Do 21 ao 26 de setembro lévase a cabo no CTD Infanta Cristina de Los Alcázares (Murcia) a Concentración Nacional de Loitas Olímpicas, onde se convocaron aos mellores deportistas U23 e U20 de Loitas Olímpicas, acompañados dalgúns deportistas sénior.

Os galegos que están a participar neste arranque de tempada son David González Silva do Club Sabarís de Baiona e Saúl Bello Álvarez do Club San Ignacio de Vigo. Ambos os dous deportistas son bolseiros no CGTD de Pontevedra, no grupo de Rendemento da sección de Loitas Olímpicas.

Esta é a primeira actividade do novo curso escolar, na que se están levando a cabo numerosos test físicos, para avaliar a condición de todos os deportistas. O seguinte obxectivo será o Campionato do Mundo absoluto de Oslo e o torneo internacional de Grecia no mes de outubro.

Como técnico está o galego Pablo Pintos Figueroa (Vigo, 1978), seleccionador nacional U20 e U23 en Loita Libre Olímpica. “Comezar cunha actividade formativa e sen presión, é unha boa fórmula, para marcar novos obxectivos aos nosos atletas. As baterías de test físicos é a gran novidade desta tempada, xa que todos os loitadores levan uns obxectivos claros de mellora, para traballar nos seus Clubs e centros de tecnificación e rendemento, sen o traballo dos técnicos dos Clubs e Centros de Tecnificación, sería impensable implementar este novo traballo entre os máis novos, darlle prioridade ao aspecto condicional, permitiranos ter un maior desempeño a nivel internacional”, afirma Pablo Pintos.