Nigrán proxecta o documental “Negro Púrpura”

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 25 de setembro ás 20:00 no Auditorio Municipal a proxección do recentemente estreado documental galego “Negro Púrpura”, a cargo da produtora Illa Bufarda e baixo a dirección de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. A entrada é de balde ata completar o aforo.

Este retrata a Galicia do s. XX a través do cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da nosa cultura e da economía dunha época. Caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo… este fungo de mil nomes conéctanos co resto do mundo e alimenta os relatos dende a porta da veciña ata as multinacionais farmacéuticas e a CIA; dende as pragas medievais, pasando pola medicina popular, ata o LSD. Historias esparexidas que deixan un gusto amargo ao pan de centeo e que repercuten traspasados os océanos. Unha codia que garda un miolo delirante…