Podemos Val Miñor informa da próxima subida na factura da auga que proxecta a Xunta

Os Círculos de Podemos no Val Miñor denuncian que a Xunta de Galicia presentou un anteproxecto de lei no que propón crear dúas taxas que gravarán os consumos domésticos máis baixos, aos que ata o de agora se lles aplicaba unha tarifa cero, con esta nova normativa pasarán a pagar un total de 0,15 euros por metro cúbico.

Segundo a formación morada, este incremento tamén verase afectado nos denominados usos asimilados ao doméstico (regadío, enchido de piscinas…) e nos non domésticos (negocios e PEMES), onde no primeiro caso pásase de pagar 1,54 euros por persoa e mes a 3,08 euros, e no segundo de 2,57 euros por mes a 3,08 euros (táboas dos artigos 36 e 37). “Isto facendo contas e de acordo aos valores recollidos en ditas táboas, poderá facer que nun núcleo familiar de 3 persoas o incremento na factura sexa de case un 200% ou dun 150% no caso dunha PEME”, apuntan.

Tamén gravaranse as perdas de auga na rede de abastecemento cando superen o 20% do captado: fíxase en 0,29 euros por cada metro cúbico que terán que abonar as entidades locais.

Sendo os tres concellos do Val Miñor afectados por esta subida, desde as formacións moradas non comprenden como non se presentou ningunha alegación ao anteproxecto por parte das Corporacións Locais da comarca que puidesen modificar esta próxima normativa, nin se transmitiu esta información á cidadanía.

Os Círculos de Podemos no Val Miñor iniciarán unha campaña informativa a pé de rúa, para dar a coñecer á veciñanza miñorana todo o relativo con este anteproxecto e propoñerán medidas de presión social para tentar frealo.