Baiona ilumínase de verde para conmemorar o Día Mundial do Alzhéimer

Esta noite, a fachada do Concello de Baiona iluminarase de cor verde con motivo da conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer, efeméride instituída pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e auspiciada por Alzheimer Disease Internacional (ADI) 1994. As luces verdes xa luciron na fachada a pasada noite. Con este xesto o Concello de Baiona busca dar visibilidade e apoio sobre a situación de ao redor de 3,5 millóns de enfermos e familiares que conviven con esta enfermidade en España.

O pasado luns, 6 de setembro, comezou en Baiona o obradoiro “Cultiva a Mente”, que se desenvolverá ata finais de xuño do próximo ano. Este obradoiro naceu da Concellería de Servizos Sociais a través de diversas reunións entre o Alcalde, Carlos Gómez, e a concelleira de Servizos Sociais, Conchy Vara, coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias dexenerativas (AFAGA), en busca de dar prevención e asesoramento aos veciños e veciñas, maiores de 55 anos.

Esta segunda edición, iniciada o luns no Multiusos Ángel Bedriñana, dividirase en dous grupos os luns en horario de 16:00 a 18:00 e de 18:00 a 20:00 horas. O obradoiro está dirixido a maiores de 55 anos interesados no desenvolvemento activo e participativo, promovendo hábitos de vida saudables, mantendo un rol que facilita unhas mellores relacións sociais, a prevención da soidade, así como a independencia e a autonomía persoal. Desde a Concellería apostouse por dar continuidade a este programa iniciado no ano 2019, cunha acollida elevada, consolidándose no 2020.