A Casa do Concello de Nigrán e a Ponte de Ramallosa ilumínanse de verde polo Día Mundial do Alzhéimer

O Concello de Nigrán e a ponte románica de A Ramallosa iluminaranse novamente esta noite de verde para conmemorar o Día Mundial do Alzhéimer, cor que representa a doenza neste día 21 de setembro establecido pola Organización Mundial da Saúde. O Concello quere expresar así o seu apoio a familiares e doentes e, de feito, declarouse no 2015 “Localidade Solidaria co Alzhéimer” e conta dende 2016 cun centro municipal en Panxón xestionado por Afaga que desenvolve obradoiros de estimulación cognitiva e funcional para persoas con enfermidades neurodexenerativas tipo Alzhéimer.

A pesar de que en Galiza existe unha prevalencia estimada de 104.000 casos e que co aumento da esperanza de vida a cifra se duplicará nos próximos vinte anos, na comunidade non existe unha estratexia integral de abordaxe das demencias como esta. Así, o custo que supón, de máis de 30.000 euros, recae principalmente nas familias pese a que os seus recursos socio-sanitarios sexan escasos. Por todo elo, o Concello de Nigrán considera que é un problema de primeira magnitude do que se debe concienciar, contribuíndo á súa normalización e explicando a toda a poboación a súa realidade e alcance.