Gondomar retoma a actividade deportiva dirixida aos seus maiores

Este luns reincorporáronse a ximnasia de mantemento os usuarios e usuarias que viron interrompida esta actividade como consecuencia da pandemia vivida no ano 2020 e a volta á normalidade paulatina posterior.

Aos poucos logrouse e de novo recuperan a cita que semanalmente teñen no Pavillón Municipal de Deportes de Gondomar cos hábitos saudables. Un total de 80 participantes, que se exercitan en dúas quendas durante unha hora e realizan diversos exercicios, guiados por unha monitora, que lles permiten manterse en forma.

A concelleira de Deportes, Nuria Lameiro, achegouse ata o pavillón para darlles a benvida e felicitarlles por apostar polo deporte como unha forma de seguir activos e demostrar que os maiores teñen moito que facer e ensinar aínda.

A actividade de ximnasia de mantemento desenvólvese os luns e mércores de 10:30 a 11:30 horas e de 11:30 a 12:30 horas, mantendo as medidas de seguridade sanitaria vixentes na actualidade. Desde a Concellería lémbrase que o próximo mes de xaneiro abrirase prazo para novas inscricións.