Baiona organiza unha marcha con bicicletas para celebrar o día da Cidade sen Coches!

O vindeiro mércores, 22 de setembro, celebrarase o día da Cidade sen Coches!, orixe da Semana Europea da Mobilidade, iniciativa que pretende atopar novas solucións aos problemas asociados ao aumento do tráfico nas cidades. O Concello de Baiona, a través da Concellería de Mobilidade, levará a cabo unha marcha con bicicletas utilizando o carril bici con saída ás 17:00 horas desde o Parador ata a rotonda da Foz do Miñor en Sabarís, co fin de dar valor e concienciar tanto das medidas provocadas polas emisións CO2, que se poden minimizar como o activar a saúde e contribuír a un ambiente sostible.

Os requisitos para participar na marcha son ter bicicleta e casco propios e ser maior de sete anos (os menores desta idade poderán participar se van na bicicleta dun adulto). As persoas interesadas en participar poderán facer a inscrición previa o propio mércores desde a 16:00 horas no punto de saída.

Con iniciativas como esta contribúese a sensibilizar á poboación e fomentar hábitos saudables, avanzando cara a unha situación de mobilidade sostible, abordando un conxunto de propostas de actuación encamiñadas a promover a intermodalidade ao redor de formas de transporte con menor consumo de enerxía e unha diminución do uso do vehículo privado.

A concelleira de Mobilidade, Conchy Vara, e o Alcalde, Carlos Gómez, convidan á cidadanía “a participar en todas as actividades e a deixar por un día o coche e sumarse a este proxecto que ten como fin a concienciación”.

Gómez destacou que “nesta nova edición da Semana Europea da Mobilidade volve cobrar moita importancia organizar eventos e iniciativas encamiñadas a fomentar unha vida máis saudable, en consonancia con todos os proxectos e iniciativas do Concello. Continúa expoñendo que “o obxectivo destas iniciativas é cambiar hábitos de mobilidade para conseguir que Baiona sexa unha cidade máis sostible, máis accesible e con menos emisións”.

A vila adheriuse a esta iniciativa no ano 2019 tras presentar a súa candidatura e xa foi incluída nos Premios EMW Awards na categoría de Concellos de menos de 50.000 habitantes.