Toni Bou e Laia Sanz conquistan en Gouveia o título de Campións do Mundo de Trial

España dá o primeiro paso no mundial de Trial que se celebrou este sábado en Gouveia, como adianto do Trial das Nacións que se disputa este domingo na localidade portuguesa, coroando os títulos intercontinentais na máxima categoría do Trial GP, con Toni Bou (Montesa) conquistando o seu 15 cetro e Laia Sanz (GasGas), un menos, o 14.

O de Piera (1986), chegaba ao veciño país luso con vantaxe suficiente na táboa sobre o seu máis inmediato perseguidor na loita polo título mundial, Adam Raga (TRRS) Ulldecona – 1982, dianteira que non deixou en ningún momento na cita portuguesa e que foi a consecución deste novo trofeo na vitrina de mundiais Outdoor. Pechando o caixón do podio adxudicábase o terceiro banzo o vasco Jaime Busto (Górliz – 1997) (Vértigo), a tan só 6 puntos de Bou.

Brillante xornada para o rosaleiro Gabriel Marcelli – 2000 (Montesa-Honda), piloto que goza de mocidade e excelente traxectoria, conseguindo un cuarto posto en Portugal, por diante do italiano Matteo Grattarola – Bellano – 1988 (Beta), co que mantivo un man a man decantándose, finalmente, de lado do galego, con 5 puntos de diferenza. Para Marcelli Gouveia é un lugar de belos recordos, pois aquí proclamouse Campión do Mundo de TR2, en 2019.

“Pechamos a tempada 2021 cunha cuarta posición en Portugal, unha tempada de menos a máis na que me gustaría ter outras dúas probas a maiores para subir algunha posición na xeral”, comenta Marcelli. “Quedamos sétimos, pero a tan só 3 puntos do Top 5. Hai que picar máis pedra”, termina dicindo o piloto do Rosal.

O vigués Jorge Casales (1995) (GasGas) finalizou na novena praza do mundial, por baixo de Jeroni Fajardo – Caldas de Malavella (Xirona) – 1985 (Sherco), que foi oitavo.

Para Laia Sanz, Cataluña – 1985 (GasGas), este éxito supuxo un excelente reencontro cunha modalidade que tantos éxitos deulle na súa vida deportiva, tras oito anos nos que se dedicou a outras facetas do motor nas que tamén deixou a súa pegada particular.

A de Corbera de Llobregat aterraba en Gouveia con tan só un punto de diferenza por baixo da británica Emma Bristow (Sherco), desvantaxe que soubo reverter desde o principio da proba portuguesa alcanzando finalmente ata 8 puntos de vantaxe que lle deron este novo título intercontinental.

Polo medio, entre Sanz e a británica, logrou coarse na segunda praza, outra catalá, Berta Abellán Terrasa (Vértigo), con 11 puntos na xeral.

En TR2 categoría masculina o vencedor foi o italiano Lorenzo Gandola (Beta) e en mulleres o triunfo decantouse da man da súa compatriota, a tamén italiana Andrea Sofía Rabino (Beta).

O adeus dun grande

Esta última proba do Campionato do Mundo de Gouveia supuxo a despedida dos escenarios dun dos grandes, o xaponés Takahisa Fujinami, con 26 tempadas ás súas costas e que albergan 34 vitorias parciais, 168 podios e un título mundial en 2004.

“Comecei en 1996 e agora, botando a vista atrás, con 41 anos, non esperaba pasar tanto tempo na competición do Mundial. Estou moi contento por facer a miña carreira con Montesa-Honda e cos meus compañeiros”, comentaba Takahisa. “De Portugal lembrarei sempre as probas difíciles, con obstáculos duros e cun público incrible”, engadía Fujigas, como se lle coñece no ámbito do motociclismo.

Bou, Raga e Busto defenden este domingo a España no Trial das Nacións en mozos, con Laia Sanz, Berta Abellán e Sandra Gómez en categoría feminina.

O equipo español parte como favorito para coroar ambos os dous cetros en Portugal, nunha competición que ten rexistrados máis de 70 pilotos de 25 nacionalidades.