Nigrán abre este martes o prazo de inscrición nas actividades socio-deportivas e culturais municipais

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Escola de Música.

O Concello de Nigrán abre desde este martes 21 de setembro e ata o venres 24 de setembro o prazo para que os empadroados do municipio se inscriban nas actividades socio-deportivas e culturais municipais, que arrincarán o 4 de outubro e rematarán o 31 de maio. Igualmente, o Concello abrirá novamente o prazo de inscrición do 28 ao 30 de setembro (aquí poden anotarse os non empadroados) para aquelas actividades nas que aínda quedase aforo. O lugar de inscrición é o Auditorio Municipal de 9:00 a 14:00 horas, cubríndose as prazas por rigorosa orde de matriculación. Toda a información cos seus horarios e grupos está pendurada na portada da web municipal http://www.nigran.es.

Neste novo curso 2021/2022 o Concello recupera a oferta anterior á pandemia, co mesmo aforo e mesmo custe pero tamén atendendo a calquera situación de emerxencia sanitaria. Igualmente, en outubro abrirá un novo prazo de inscrición para anotarse a clases de piano ou a surf dirixido á infancia, informando convenientemente no seu momento.

As actividades a realizar son: taichí, ioga, taekwondo, aerobic-step, ximnasia da 3ª idade, ximnasia mantemento, pilates, zumba, tenis, cerámica, torno, música, pintura e gravado. Todos os inscritos en actividades deportivas poderán facer uso gratuíto da sala de fitness.

O prezo das actividades é de 75€ para as persoas empadroadas en Nigrán e de 100€ para os non empadroados. (Nos importes inclúese o seguro obrigatorio de accidentes). A actividade de tenis de adultos dos sábados terá un prezo de 37,5€ para as persoas empadroadas en Nigrán e de 50€ para os non empadroados. Igualmente, terán dereito a unha bonificación do 50% sobre o prezo público as persoas empadroadas en Nigrán que se atopen nunha situación de necesidade ou de dificultade económico-financeira.