#SúmateDoaSangue, este venres e sábado en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A unidade móbil de doazón de sangue en Baiona.

A unidade móbil de doazón de sangue do Servizo Galego de Saúde (Sergas) estará este venres e sábado na rúa Elduayen de Baiona (fronte o Pazo Mendoza) coa campaña #SúmateDoaSangue.

“No verán os enfermos non toman vacacións e moitas persoas dependen da nosa solidariedade para recuperar a saúde”, recordan dende a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). Os hospitais precisan preto de 10.000 doazóns de sangue cada mes para atender a todos os enfermos e este venres e sábado os veciños e visitantes de Baiona poderán facer as súas doazóns.

A unidade móbil estará aberta na rúa Elduayen de Baiona (fronte o Pazo Mendoza) o venres (de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas) e o sábado (de 10:00 a 15:00 horas). Poden doar sangue todas as persoas entre 18 e 65 anos que pesen máis de 50 quilos e o persoal sanitario revisará previamente aos doantes. Ninguén debe acudir sen almorzar e despois do xantar hai que esperar dúas horas.

Baiona acadou 31 doazóns por cada 1.000 habitantes en 2016 e o obxectivo é incrementar a participación para chegar ás cifras que recomenda a Organización Mundial da Saúde (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes). Grazas as doazóns de sangue os hospitais atenden aos enfermos de cancro e leucemia e levan a cabo cada día unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.

Anuncios