Nace “Fálame Delas” para rescatar as historias das mulleres de Baiona

Nos museos, nos nomes das rúas, na lista de nomeamentos dos premios Nobel, nos libros de historia, na memoria colectiva, na memoria local… a pregunta é onde están as mulleres? A pesar dos obstáculos e a discriminación, moitas estiveron aí deixando a súa pegada na historia da humanidade, marcando un punto de inflexión na súa época. Pero non aparecen, non están. Foron completamente borradas do mapa. Esquecidas. Silenciadas. Invisibilizadas. Condenadas a permanecer na sombra. É hora de rescatalas.

A través do proxecto “Fálame Delas”, a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona busca historias das mulleres do municipio, historias que deben ser contadas. A través do email falamedelas@baiona.gal a cidadanía poderá enviar as incribles e admirables historias das veciñas da Vila, moitas delas relegadas a un segundo plano, outras directamente silenciadas e invisibilizadas, outras tantas canto menos ignoradas por unha sociedade androcentrista na que parece que só os homes contribuíron á historia da humanidade. A historia de Baiona tamén se escribe en feminino.

En caso de non ter correo electrónico a información pódese mandar por correo postal á dirección do Concello de Baiona, Rúa Lorenzo de la Carrera, S/N, 36300 Baiona, Pontevedra, especificando “Concellería de Igualdade”. Ademais, instalarase en cada un dos centros escolares municipais unha caixa de correos para a recollida específica destas historias. É importante deixar un contacto para poder comunicarse coa persoa que achega a historia, para ampliar información ou solicitar material gráfico si fose posible.

As persoas interesadas en dar luz ás historias das mulleres de Baiona poderán facelo até o 15 de outubro. “A idea é que a veciñanza mande historias de mulleres que coñecen ou coñeceron, avoas, tías, nais, veciñas, etc. Queremos recompilar historias da nosa Vila vividas pola outra metade que case nunca conta”, sinala a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas. “Dar luz ás súas historias non é só renderlles homenaxe a todas esas mulleres da nosa localidade. É tamén concederlles o lugar que merecen. É construír un futuro no que non falten referentes fundamentais para as mulleres. É poder dicirlle a unha nena de hoxe que si elas puideron, ti podes”, finaliza.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que “temos claro que o que non se nomea, non existe, por iso esta campaña é moi importante para visibilizar ás mulleres da nosa Vila. Este Concello aposta firmemente por avanzar nos valores da igualdade de xénero desde a administración, como exemplo a seguir polo resto da cidadanía na construción dunha sociedade de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Entre todos construímos unha Baiona máis igualitaria”.