Baiona celebra a Semana Europea da Mobilidade

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Mobilidade, organizou un programa de actividades para celebrar a Semana Europea da Mobilidade, que se vai a celebrar do 16 ao 22 de setembro. A concelleira de Mobilidade, Conchy Vara, presentou hoxe o programa de actividades, baixo o lema “Pola túa saúde, móvete de forma sostible”, unha temática implementada a nivel europeo que pretende fomentar unha nova forma de vida, poñendo o foco, neste ano de pandemia, na nosa saúde, tanto física como mental, vinculada coas formas de desprazarse polos nosos municipios en modos sostibles.

Por tanto, nesta edición, a semana da mobilidade e a campaña diríxese a sensibilizar e concienciar sobre a necesidade de utilizar vehículos de mobilidade persoal, as bicicletas, o transporte público ou ir camiñando, así como todos os beneficios para a nosa saúde que conlevan a súa utilización co uso destes modos de transporte máis sostibles.

Desde hoxe o balcón do consistorio loce a pancarta de apoio a esta iniciativa. Pola tarde as persoas participantes no Programa “Vincúlate” do Concello de Baiona participarán nunha camiñada con mascotas. Este proxecto levado a cabo polo consistorio con gran éxito e alta demanda, ten entre os seus obxectivos promover a melloría en distintas funcións e concretamente nas sociais, emocionais e cognitivas, levadas a cabo por profesionais da saúde e da educación. Con esta camiñada, queren mostrar o seu apoio á Semana Europea da Mobilidade e ao lema “Pola túa saúde, móvete de forma sostible”.

Mañá venres organizouse un paseo saudable pola zona de Monte Boi, paseo que rodea ao Parador. Con saída ás 10:30 horas desde a Avda. Arquitecto Palacios, localización da Oficina de Turismo, o historiador local Anxo Rodríguez Lemos acompañará aos camiñantes e será o guía encargado de poñer en coñecemento dos participantes a historia do lugar. Unha marcha que contará con elementos de axuda para persoas con mobilidade reducida, mantendo o espírito de dar voz e voto á cidadanía co fin de ir creando espazos en nosa contorna, máis saudables, máis accesibles, máis cordiais… sempre escoitando as necesidades e recomendacións que a cidadanía, colectivos, asociacións, educadores, etc.

O vindeiro mércores, 22 de setembro, celebrarase o día da Cidade Sen Coche!, orixe da Semana Europea da Mobilidade, que pretende atopar novas solucións aos problemas asociados ao aumento do tráfico nas cidades. Levarase a cabo unha marcha con bicicletas con saída desde a Avda. Arquitecto Palacios ata a rotonda “A Foz do Miñor”, co fin de dar valor e concienciar tanto das medidas provocadas polas emisións CO2, que se poden minimizar como o activar a saúde e contribuír a un ambiente sostible.

Con iniciativas como esta contribúese a sensibilizar á poboación e fomentar hábitos de mobilidade sostible e saudable xa que se avanza cara a unha situación de mobilidade sostible, abordando un conxunto de propostas de actuación encamiñadas a promover a intermodalidade cara a formas de transporte con menor consumo de enerxía e unha diminución do uso do vehículo privado.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Pérez, destacou que “nesta edición volve cobrar moita importancia organizar eventos e iniciativas encamiñadas a fomentar unha mobilidade máis sostible, que están en consonancia con todos os proxectos e iniciativas do Concello para expor cambios nas cidades que logren modificar os modos de desprazamentos diarios e conseguir ter cada día unha localidade mellor e con menos emisións”. Continua expoñendo que “o obxectivo con estas iniciativas é cambiar hábitos de mobilidade para conseguir que Baiona sexa unha cidade máis sostible e accesible”.

Gómez anima á cidadanía “para participar en todas as actividades e a deixar por un día o coche e sumarse a este proxecto que ten como fin a concienciación. Ademais, desta forma contribuímos a contaminar menos, reducir o ruído e as emisións de CO2”.

A vila adheriuse a esta iniciativa no ano 2019 tras presentar a súa candidatura e xa foi incluída nos Premios EMW Awards na categoría de Concellos de menos de 50.000 habitantes.