Concello de Nigrán e Aqualia lanzan a campaña “O váter nunca coma papeleira”

Concello de Nigrán e Aqualia veñen de poñer en marcha no municipio unha campaña de sensibilización baixo o título “O váter nunca como papeleira” para concienciar aos cidadáns sobre o coidado e uso axeitado da rede de saneamento. Así, grazas á colaboración da Asociación de Empresarios Ovalmi, estes distribuirán entre os establecementos hostaleiros do municipio pegatinas ilustradas que exemplifican os diferentes usos incorrectos e, adicionalmente, o Concello as colocará nos WC públicos e nos colexios. Esta acción está aliñada co cumprimento dos compromisos de desenvolvemento sostible de Nacións Unidas e, en concreto, co ODS 6, que require investigación e investimento para optimizar os recursos dispoñibles e garantir un saneamento limpo.

“Historicamente o principal problema de contaminación nos saneamentos públicos viña dos verteduras industriais, pero agora hai cada vez máis problemas asociados ao consumo doméstico, por iso desde os concellos debemos realizar este tipo de campañas entre a nosa veciñanza”, sinala o alcalde, Juan González. O propio José González Goce, presidente de Ovalmi, recoñece que é un problema nos locais hostaleiros, onde é habitual ter que desatascar os váteres por usos incorrectos da clientela, “por iso consideramos esta campaña moi acertada”, engade.

“Está a producirse unha tendencia xeneralizada na sociedade de mal uso de determinados produtos como toalliñas húmidas, bastoncillos e outros téxtiles que se tiran polo WC e chegan ata as depuradoras producindo notables acumulacións e tapóns de gran tamaño que implican sobre custes técnicos e económicos”, corroboran desde Aqualia, onde cifran nun 18% o custo adicional nas EDAR dunha cidade de tamaño medio coma Nigrán por mor exclusivamente destes produtos. Así, lanzar as toalliñas húmidas polo inodoro custa aos europeos entre 500 e 1.000 millóns de euros ao ano, segundo datos de EurEau, a asociación continental que engloba ás empresas de abastecemento e saneamento. Ademais, a pandemia trae novos elementos que incorrectamente se están a tirar polo WC, como son as máscaras e as luvas, elementos que se engaden á habitual vertedura de compresas, cosméticos, aceites, menciñas, pinturas…