Baiona estrea na súa web a sección “O teu alcalde responde”

A web do Concello de Baiona (www.baiona.gal) ofrece unha nova sección. Titúlase “O teu alcalde responde”, unha pestana que aparece na portada xunto cunha foto do actual Presidente da Corporación, Carlos Gómez Prado. Tras cubrir un pequeno formulario, a cidadanía poderá expresar as súas dúbidas, suxestións, queixas, propostas, opinións ou facer unha solicitude de información directamente ao alcalde de Baiona. Chegarán directamente á caixa de correos do rexedor, que terá a posibilidade de contestar persoalmente.

Queres facerlle unha pregunta ao Alcalde?

Carlos Gómez comprométese a responder persoalmente a cada unha das consultas realizadas. Esta nova canle de comunicación súmase á inclusión do Concello nas redes sociais Facebook, Instagram e Twitter. “Esperamos con esta ferramenta poder seguir avanzando nas políticas de transparencia, pero sobre todo nas políticas de participación e que a relación entre o Concello e a cidadanía sexa aínda máis estreita. Un dos obxectivos que quero marcar como Alcalde-Presidente é aumentar a participación cidadá no Concello, patrimonio de todos os/as baioneses/as”, destaca Gómez Prado.

“Esta nova sección nace do convencemento de que a transparencia e a proximidade cos meus veciños e veciñas é unha das partes máis importantes do meu traballo como Alcalde de Baiona. Por esta razón quero que calquera veciño ou veciña poida realizarme calquera pregunta, coa seguridade de que, no menor breve prazo de tempo posible, respondereilla persoalmente”, finaliza.

Este proxecto forma parte da remodelación substancial da comunicación do Concello, con cambios como a introdución dunha nova imaxe de marca de Turismo de Baiona, a apertura e impulso das redes sociais, e a posta en funcionamento da nova web municipal, cuxa principal idea tivo sempre como horizonte achegar a xestión municipal á cidadanía e converterse nunha ferramenta útil para os usuarios. Son estas máximas que empuxaron ao Conello de Baiona a redefinir a súa estratexia de comunicación en liña.