Amargo final para un combativo Alberto Meira no Rallye Mariña Lucense

A quinta proba da tempada para o equipo AMF Motorsport ía ser unha nova demostración de valentía por parte de Alberto Meira, que cun vehículo inferior ao dos seus rivais tratou por todos os medios de pelexar por un lugar no podio.

O rallye xa comezou torcéndose desde os compases iniciais, e é que a sección nocturna do venres foi aciaga para os intereses do equipo, pois unha mala regulación da grella de faros e a falta de confianza nas condicións de densa néboa na primeira especial facía ceder medio minuto coa cabeza de carreira.

Pero lonxe de vir abaixo, o de Vincios seguiu loitando ao día seguinte, aproveitando o tramo de Vicedo onde o Citroën DS3 R5 defendíase mellor para sacar as garras e recortar tempo co segundo clasificado, pero sufrindo no resto de especiais, máis lentas e sucias onde as monturas máis modernas sacaban a súa efectividade para relucir.

Comodamente instalados en terceira posición a falta do último bucle, de novo a noite ía supoñer un tropezo para Alberto Meira, que contaba coas súas propias palabras o sucedido: “Despois de marcar outro bo crono en Vicedo, un lixeiro toque no tramo de Xove forzaba unha barra estabilizadora traseira, que rompía, facendo o coche inconducible. Terminamos con moitos sustos e tratamos de arranxar a barra estabilizadora cunha solución que parecía funcionar, pero no último tramo volvía romper. Tratando de conservar a terceira posición coa suspensión totalmente inestable tivemos dúas saídas de estrada, golpeando na última e perdendo moito tempo”.

Finalmente, o equipo AMF Motorsport saía de Viveiro cunha cuarta posición que soubo a pouco despois do esforzo realizado durante toda a xornada para estar na pelexa polo podio. En só tres semanas tocará resarcirse na seguinte proba do certame autonómico, o Rallye Ribeira Sacra.