
O Club de Petanca Prat resultou campión do LXIII Campionato de España Tripletas Sénior Masculino e Copa S.M. El Rey disputado durante toda a fin de semana en Praia América baixo a organización do Concello de Nigrán e o C.C.D. Bolos da Carrasca e co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos.
Os cataláns impuxéronse na final do domingo aos murcianos do C.P. Las Palomas de San Basilio. A federación catalá pode presumir tamén de que subiran ao podio na terceira posición a U.P. Torres Rubi. Pola súa banda, o único equipo da comarca do Val Miñor clasificado, el C.C.D. Bolos da Carrasca, obtivo o posto 24 nun total de 32 participantes.
“O ambiente foi marabilloso e os xogadores estaban encantados do lugar da celebración, aos pés de Praia América e cunha temperatura ideal”, destaca o alcalde, Juan González. O Concello habilitou para a ocasión 18 canchas na zona do aparcamento da antiga escola de vela de Praia América. Así, participaron 32 equipos de 13 federacións de toda España, o que supuxo máis de 120 persoas entre xogadores e técnicos.
“Esta cita foi posible grazas ao C.C.D. Bolos da Carrasca, os grandes promotores da petanca en toda a comarca, grazas ao seu tesón e esforzo Nigrán puido acoller esta final nacional que puxo a Nigrán no mapa de toda España, o resultado non puido ser mellor”, resume González.