Falece un home que foi rescatado da auga na praia da Ladeira en Baiona

FOTO: CRTVG // Os servizos de emerxencia na Ladeira.

Un home perdeu a vida logo de ser rescatado da auga no areal da Ladeira, na localidade pontevedresa de Baiona. O 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular, ao fío das 19:00 horas, para alertar de que un home acababa de ser rescatado do mar e que necesitaba asistencia médica.

Deste xeito, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) déronlle aviso ao persoal de urxencias médicas e aos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Ademais, tamén se lle brindou a información a Salvamento Marítimo e ao persoal de Gardacostas de Galicia.

Minutos despois e malia os esforzos da patrulla da Policía Local e dos servizos médicos no lugar, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 notificáronlle ao 112 o falecemento da persoa.